Algunhas claves para comprender a escolla dos estudos universitarios polo alumnado galego

  1. VILA COUÑAGO, ESTHER
Dirigée par:
  1. Esther Martínez Piñeiro Directrice

Université de défendre: Universidade de Santiago de Compostela

Fecha de defensa: 11 décembre 2017

Jury:
  1. María-Luisa Rodicio-García President
  2. Elena Fernández Rey Secrétaire
  3. Pedro Ricardo Álvarez Pérez Rapporteur

Type: Thèses

Résumé

A presente tese pretende ofrecer un marco explicativo e comprensivo da escolla dos estudos universitarios que realiza o alumnado galego ao remate do bacharelato. Tras unha revisión dos principais modelos teóricos existentes e dos factores asociados ás eleccións académico-profesionais, adoptamos unha concepción integradora que abarca a análise de diversas variables de tipo persoal, familiar, escolar e social para indagar nas claves que subxacen ás preferencias e ás escollas efectuadas respecto á carreira universitaria. A investigación toma como marco xeográfico de referencia a provincia de Pontevedra, abordando o fenómeno obxecto de estudo dende unha visión prospectiva proporcionada por estudantes de 2º de bacharelato e un enfoque retrospectivo achegado por alumnado universitario de 1º curso. Centrámonos fundamentalmente en cinco carreiras universitarias: Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Industrial, Medicina, Psicoloxía e Dereito. Emprégase unha metodoloxía mixta de investigación levada a cabo de forma secuencial: primeiramente realízase un estudo extensivo, de tipo cuantitativo (descritivo-correlacional), utilizando o cuestionario como instrumento de recollida de datos, e posteriormente un estudo intensivo, de tipo cualitativo, a partir de entrevistas semiestruturadas. Entre os resultados obtidos, evidenciamos que variables como o sexo, a cualificación académica e a clase social teñen un gran peso sobre as escollas académicoprofesionais. A grandes trazos, dende a perspectiva do propio alumnado, os aspectos concretos que resultan máis relevantes á hora de escoller unha carreira universitaria son: o interese polo posible traballo a desempeñar, a satisfacción persoal que produce a profesión, a crenza de ter capacidade para desenvolver ben esa profesión, o interese polas cuestións tratadas nos estudos, a crenza de ter capacidade para realizar os estudos e as boas perspectivas de emprego que brindan. Así mesmo, advertimos unha importante influencia por parte dos proxenitores e doutros parentes próximos a través das recomendacións e opinións que lles proporcionan e/ou os modelos e referentes que estes familiares conforman coa súa traxectoria académica e profesional. Por outra banda, constatamos que os recursos electrónicos, seguidos dos familiares e amigos/as, son as fontes de información máis consultadas polo alumnado sobre as posibles carreiras e/ou estudos a cursar despois do bacharelato. No seu conxunto, o alumnado considera que se preocupou bastante por buscar información, aínda que se pon de manifesto a falta dunha información académico-profesional completa e precisa para afrontar eficazmente a escolla da carreira. Ademais, polo xeral, os estudantes atribúenlle pouca utilidade para clarificar as súas ideas á orientación que recibiron por parte do centro de secundaria. Para finalizar, o traballo recolle liñas xerais de actuación orientadora axeitadas ás necesidades dos destinatarios/as, avogando por unha intervención global que implique activamente aos diversos sectores da comunidade educativa e que logre a incardinación plena da orientación académico-profesional no currículo escolar ao longo das diversas etapas educativas.